31.7.20

Queixándome, que é "o que mellor se me dá".

Aquí veño, a queixarme, a facer o que segundo moitos, “mellor se me dá”. E com o non vou vivir queixándome constantemente nun mundo cuxos valores son inexistentes e rompen calquera regra da moralidade? Igual o problema é que sigo pensando coma se a miña mente tivese cinco anos: por que a xente (a sociedade) carece de sentido común? Volvemos ao mesmo de sempre, se todo fose tan fácil non habería guerras, algo que che repiten cando es pequena pero que non comprendes de todo. Pero miña nai tamén me leva dicindo algo desde que teño recordos, que é: antes de nada, hai que ser persoa.

O problema co que me atopo agora ten que ver co turismo e a necesidade insaciable do noso país de vivir única e exclusivamente del. Porque fomentar outros sectores non está dentro dos plans de quen move os fíos, na súa cabeza só pulula a idea de atraer o turismo a costa de prostituír vilas que ata fai pouco aínda conservaban a súa esencia. Sen ir máis alá, a semana pasada lin a noticia de que o meu concello está barallando que o camiño de Santiago remate aquí. Que ben, todo o mundo contento, vaise reactivar a miña vila na que “só hai vellos e agora nin sequera vacas”. O que pasará se levan a cabo esa idea, será que todas as casas pechadas que hai agora abrirán para converterse en albergues para peregrinos, e acabaremos abrindo bares con esencia de Ibiza (así lle chamo eu a estes sitios que teñen terrazas chill out con luces e bebidas propias dun sector turístico que non é típico de aquí, aquí hai bares mariñeiros, os de toda a vida) en vez de manter a nosa cultura e personalidade. Pero eh, que non pasa nada, que temos a cabeciña tan ben comida que a todos nos parece boa idea. Que nos educan na ignorancia, cunha venda ben grosa nos ollos para que non poidamos abrilos nunca. Só se es capaz de atopar no teu camiño xente que non está conforme cos ollos tapados serás quen de intentar ver a vida como realmente é, non como che queren facer ver. Pero isto ten un risco moi grande, e é a inconformidade con todo, pois a vida móvese pola mafia dos cartos e quen non segue esa liña imposta pola sociedade rica corre perigo.

Isto todo vén porque este ano 2021 será o Ano Xacobeo (cando o día da matria galega coincide en domingo) e os pisos en Compostela están polas nubes. Co auxe dos airb&b aos caseiros compénsalle unirse a esta nova moda fomentada polo turismo no lugar de ofrecer o piso a estudantes. E os que aínda apostan polos estudantes subiron os prezos unha barbaridade.

Compostela ten un turismo excesivo que segue medrando e medrará o próximo ano (está por ver o que acontece co covid – 19). Cando entramos en fase 0 pasear polas rúas da zona vella era unha gozada porque nunca tan valeiras estiveran. Normalmente a Rúa do Franco é intransitable sexa hora punta ou non, e en maio podías pasear sen chocar con ninguén. Os meus ollos nunca viran tal cousa en cinco anos que levo alí.

Concluíndo: estamos a un día de comezar agosto e aínda non teño onde asentarme o 1 de setembro, o que me asusta porque quedar na casa de meus pais non é unha opción que ande na miña cabeza. A xente larga pola boca frases como “pa quen quere traballo sempre hai” sen pensar se está ferindo ao destinatario.

Igual o que acontece é que eu quitei esa venda e non debía telo feito, agora formo parte dese sector da poboación ao que se lle di “ti non estás conforme con nada”. Pero a verdade, prefiro isto antes que xustificar o abuso de poder dos que non nos deixan abrir os ollos.

4 comentarios:

  1. Penso que naciches nunha época equivocada. Algo parecido sinto eu. E nun lugar tamén equivocado. Non coido que penses como se tiveses cinco anos, senon como se tiveses vinte máis dos que tes.

    España é un país de camareiros e Galicia é unha sucursal do máis cutre de España. Son a única persoa que coñezo que sinte vergoña do que vexo ó meu redor. Joder, non coñezo ningún pobo galego que se poda comparar con calquera de outra autonomía. Tíñamos Betanzos e o destruíron. Tamén Pontedeume, Tui, Baiona… xa non che digo os da Costa da Morte, vaia porcallada. ¿Qué pasou cos pobos de mariñeiros? Parecen barrios do extrarradio das grandes cidades.

    Hai anos (non tantos, non creas) Compostela era o sitio máis increíble do mundo (só lle faltaba o mar). Destrozárono tamén (aínda que segue a ser un referente dunha Galicia cada vez máis escura).

    Respecto ó que di a xente, nas zonas onde a incultura faise máis patente son aquelas nas que se fala con frases feitas e refráns. Certo é que hai xente que non quere traballar, pero hai outra que sí. ¿A qué sector te adicas?

    Quedarei sen sabelo que ti non contestas, jajaja. Un bico.

    Ánimo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Eu mudeime a Compostela no 2015 e aínda que xa estaba prostituído, nestes cinco anos puiden ver como o cambio vai cada vez a pasos máis axigantados. Non es a única persoa que sinte vergoña do que ve ao seu redor, eu érgome todos os días de mala uva por culpa do noxo que dá o noso país nas mans de Feijoo.
      Eu dedícome ao sector da docencia, ou dedicareime se todo sae ben nalgún momento haha. Acabei maxisterio e intento opositar mentres a miña mente se alía coa sociedade podre para destruírme haha.

      Eliminar
  2. Pues no se cómo irá el año Jacobeo del 20121, con un poco de suerte, ya sin virus, y remontando el desastre de el parón. Incluido el camino de Santiago.

    Buena reflexión. Un abrazo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. En Galiza non precisamos máis turistas, o que precisamos é traballo de calidade para que a xente non teña que emigrar. Pero nas urnas vese que a xente está contentiña tendo que pirarse do seu país.

      Eliminar

Grazas!